A TVG busca desde hoxe en A Liga dos Cantantes Extraordinarios a mellor voz das orquestras galegas

Noticia
ORQUESTAS DE GALICIA 04/07/2019 14:55
Televisión de Galicia achega desde esta noite o mundo das verbenas aos fogares galegos coa estrea de A Liga dos Cantantes Extraordinarios (22.05 horas). Dun xeito divertido e dirixido a toda a familia, este novo concurso buscará a mellor voz entre os cantantes das principais orquestras que enchen de música e espectáculo as nosas festas.  

Así, A Liga dos Cantantes Extraordinarios ofrecerá unha oportunidade para divertirse en familia con grandes cancións, ben cantadas e executadas, cunha posta en escena espléndida e que xogará co enfrontamento xeracional dos diferentes estilos musicais. 

A todos estes ingredientes sumaráselle o bo humor que lle porán todos os participantes, comezando por Paco Lodeiro, o mestre de cerimonias. Neste novo concurso tamén terá un peso destacado o xurado profesional, formado por Pili Pampín, Lito Garrido, Mon (Monopolius Dop) e Lucía Pérez, que avaliará en cada edición as actuacións de 8 cantantes. Amais, gozarase en cada emisión coas intervencións dun artista extraordinario. E tamén serán colaboradores do espazo os televisivos Pepe Capelán e Ariadna Leis

En cada gala, os aspirantes darán o mellor para gañar a elección dunha bancada representada por catro xeracións diferentes. Será difícil agradar os esixentes membros do xurado e só un participante en cada gala será o que pase directamente á gran final, mentres que os que quedan e unha nova incorporación semanal seguirán loitando por un posto nas galas sucesivas. 

Esta noite, na estrea de A Liga dos Cantantes Extraordinarios participarán: Noly (Los Satélites), Rosa do Mar (Orquestra Miramar), César Romero (Orquestra Cinema), Tania Veiras (Grupo Tania Veiras), Peke (La Fórmula), Diego Moreira (París de Noia), Eulícer Aróstegui (Orquestra Olympus) e Iria Riola (Orquestra Trébol). 

En definitiva, a Galega ofrecerá este verán a mellor festa musical, a través de sete galas e unha gran final, coa que dará co auténtico rei ou raíña das verbenas galegas.  

Aínda que os gañadores de cada gala decídense in situ, a través das redes sociais do programa (FacebookTwitter e Instagram) realizaranse votacións para coñecer aos favoritos da audiencia na casa.

A Liga dos Cantantes Extraordinarios