Arranca esta noite na TVG a terceira temporada de A Liga dos Cantantes Extraordinarios

Noticia
ORQUESTAS DE GALICIA 01/07/2021 12:45
A terceira temporada de A Liga dos Cantantes Extraordinarios (22.35 h) arranca este primeiro de xullo na TVG. Un verán máis, o programa buscará nas voces da verbena galega aquela capaz de convencer a público de todas as idades. Nesta ocasión, os finalistas da primeira e da segunda temporada, xunto con caras novas, competirán por ser o cantante extraordinario de 2021.

Cada xeración estará representada no xurado deste concurso de talentos. Repite como líder  dos avós Pili Pampín; ao seu carón estará Lito Garrido, director da orquestra Panorama e voz dos pais nesta Liga; xunto a eles, Lucía Pérez, voceira dos casadeiros, e, por último, o mellor dueto cómico e musical do momento: Mon e Ula, do grupo Monoulious DOP. Todos eles conducidos por Paco Lodeiro, mestre de cerimonias, que estará acompañado de colaboradores como Pepe Capelán e César Romero.

A mecánica do concurso será un pouco distinta á das dúas temporadas anteriores. Así, cada programa será autoconcluínte e comezará coa actuación dos dous finalistas do programa anterior. Os finalistas terán sempre un lugar privilexiado no estudio de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’, pero hai outros seis artistas que competirán entre si por quitarlles o posto.

O programa contará con numerosas actuacións en directo, en que os espectadores poderán ver e escoitar as mellores voces da verbena galega cantando en solitario e en batallas inéditas. Ademais, as actuacións musicais estarán acompañadas de moito humor e varias sorpresas que deixarán a máis dun coa boca aberta.


closing tour 2018