Nova entrega de 'A liga dos cantantes extraordinarios', coa incorporación de Cristian Navarro

Noticia
ORQUESTAS DE GALICIA 19/08/2021 15:40
Esta noite contarase coas voces de Rita Barreiro, Noly, Laura Añón, Antonio Barros, Rocío Varela, José Ángel Albán e Alba Navarro

‘A liga dos cantantes extraordinarios’ (22.25 h) continúa buscando este xoves a mellor voz da verbena galega, aquela capaz de convencer a público de todas as idades. Na oitava entrega deste tremendo show contarase de novo coas voces de Rita Barreiro e Noly, por ser os finalistas do programa anterior, xunto con Laura Añón, Antonio Barros, Rocío Varela, José Ángel Albán e Alba Navarro, e como aspirante novo sumarase Cristian Navarro, da Charleston Big Band.

E coma cada xoves, o mestre de cerimonias, Paco Lodeiro, volverá estar acompañado de colaboradores como Pepe Capelán e César Romero e polo xurado do concurso, formado pola cantante Pili Pampín, líder dos avós; Lito Garrido, director da orquestra Panorama e voz dos pais nesta Liga; a cantante Lucía Pérez, voceira dos casadeiros, e o dueto cómico e musical Mon e Ula, do grupo Monouliuos DOP.