Xanela Fest: A Orquestra Cinema pode tocar de balde no teu concello

Noticia
CINEMA 20/05/2025 22:50

O 17 de outubro, a Orquestra Cinema pode estar tocando no teu concello!

A empresa de telecomunicacións galega Xanela e a Orquestra Cinema lanzan unha proposta única: agasallar cunha verbena inesquecible ao concello máis votado de Galicia (de menos de 40.000 habitantes).

O obxectivo é claro: dar pulo ao rural e crear unha festa que sirva tamén para dar a coñecer o territorio. Así nace o Xanela Fest, unha iniciativa que incluirá moito máis ca música.

A Orquestra Cinema actuará no concello gañador. Ademais, organizarase un minifestival con postos de produtos típicos da zona e unha visita guiada para descubrir os recunchos máis xeitosos do lugar. Será unha tarde e noite para lembrar!

Como se elixirá o concello gañador?

A través dun concurso. Xa se enviou un correo electrónico a todos os concellos que poden participar para confirmar se queren formar parte. Aos que acepten, enviaráselles un formulario de participación.

Durante o proceso, todos os concellos participantes aparecerán na web e nas redes sociais de Xanela, para darlles visibilidade e que o público poida coñecelos mellor.

Cando se vota?

Do 1 de xullo ao 31 de agosto, abrirase a rolda de votacións na web de Xanela. O sistema será sinxelo, cunha validación por correo electrónico.

Unha vez finalizado o prazo, o concello gañador disporá de 15 días para escoller a aldea ou pobo onde se celebrará o Xanela Fest.

Que podes facer ti?

Moito! Anima a familia e amizades a votar polo teu concello, comparte nas redes o enlace ao formulario, repostea as publicacións de Xanela... En definitiva, lanza unha boa campaña!

E se ves que o teu concello non aparece na lista de inscritos... fala co alcalde ou alcaldesa para lembrarlles que se anoten no Xanela Fest!

O 17 de outubro pode ser unha data histórica para o teu pobo. Súmate ao Xanela Fest!

#XanelaFest #OrquestraCinema #VerbenaGalega