As prazas para a semifinal e a final da Liga, en xogo

Noticia
ORQUESTAS DE GALICIA 03/09/2020 16:20
Derradeira xornada antes dos programas que decidirán quen é o gañador da segunda temporada da Liga dos Cantantes Extraordinarios. Os concursantes afrontan a última oportunidade para sumar puntos de cara a clasificación xeral, que decide quen pasa á semifinal e á final do concurso.

Só os catro mellores terán praza directa para a finalísima. Chegan nesta posición de privilexio a esta décima tirada da Liga Alba Navarro (Satélites), Irene Iglesias (Panorama), Monia Borges (Marbella) e... Fran Castellanos (Saudade) e Kris Somad (Capitol), ambos os dous empatados a puntos.

Pero a semifinal tamén busca participantes. Os seis seguintes clasificados na táboa obterán o pase para a mesma. Mais aínda haberá unha oportunidade para os que queden fóra... Os concursantes poderán salvar cos seus votos a dous compañeiros, que acompañarán a estes seis na previa á final.

Está todo por decidir nun programa que terá como grupo convidado ós Fillos do Estramonio, a banda da que fai parte o colaborador do programa Pepe Capelán. Logo de moitos episodios buscándoo, ó fin consegue un oco na set list da Liga dos Cantantes. Entre as pezas que poderán escoitarse nesta decisiva esta entrega están Campanera, Te quiero, te quiero de Nino Bravo, 24K Magic de Bruno Mars ou Europa de Mónica Naranjo.

No duelo de entrada enfróntanse Danni Lamas (Kubo) e Kris Somad (Capitol), cun tema mítico como é Cuando zarpa el amor de Camela. Uniranse o elenco que xa ten praza neste programa e que está composto por Ana Paz (Cinema), Alba Navarro (Satélites), Irene Iglesias (Panorama), David Seara (Finisterre), Boris Pico (Orquestra Ceniza Band), Marga Vilar e Fran Castellanos (Saudade). Dúas horas de música en vivo cargadas de emoción.

Directo a través de Facebook

Unha semana máis, tras o remate do programa televisivo, César Romero (Cinema) e Rubén Pérez (Valexo) conversarán en directo a través de Facebook con varios dos cantantes extraordinarios, membros do xurado e colaboradores do programa sobre como foi a gala da noite, compartirán anécdotas e incluso competirán no xa clásico César Reto.