Leo García, un vello coñecido de 'A liga dos cantantes extraordinarios', incorpórase esta noite

Noticia
ORQUESTAS DE GALICIA 12/08/2021 19:30
O espectáculo contará esta noite coas voces de Ruth Núñez, Ana Paz, Alejandra Pais, Antonio Barros, Noly, Rita Barreiro e Ángel Sevilla

‘A liga dos cantantes extraordinarios’ (22.30 h) continúa buscando este xoves a mellor voz da verbena galega, aquela capaz de convencer a público de todas as idades. Na sétima entrega seguiranse coñecendo caras novas que optan por facerse co prezado título de ‘Cantante extraordinario’. Nesta quenda probará sorte Leo García, un vello coñecido do programa porque colaborou en anteriores edicións con Laura Añón ou David Seara. Non terá nada doado desbancar as raíñas da noite Ruth Núñez e Ana Paz. Á súa loita uniranse, Alejandra Pais, Antonio Barros, Noly, Rita Barreiro e Ángel Sevilla.

E coma cada xoves, o mestre de cerimonias Paco Lodeiro volverá estar acompañado de colaboradores como Pepe Capelán e César Romero e polo xurado do concurso, formado pola cantante Pili Pampín, líder dos avós; Lito Garrido, director da orquestra Panorama e voz dos pais nesta Liga; a cantante Lucía Pérez, voceira dos casadeiros, e o dueto cómico e musical Mon e Ula, do grupo Monouliuos DOP.