Boris Pico, na procura da súa primeira participación na Liga dos Cantantes Extraordinarios

Noticia
ORQUESTAS DE GALICIA 12/08/2020 19:00
A Liga dos Cantantes Extraordinarios comeza a entrar en territorio importante coa disputa da sétima xornada. Pero este talent show é, primeiro de nada, unha gran festa. De aí que inicie cunha interpretación coral do clásico Celebration de Kool & the Gang. Contará coa participación de todo o xurado interxeracional composto polos Monoulious DOP (Netos), Lucía Pérez (Casadeiros), Lito Garrido (Pais) e Pili Pampín (Avós), alén do mestre de ceremonias Paco Lodeiro e do colaborador César Romero.

Logo, como en cada episodio, duelo de entrada. Desta volta, entre Boris Pico (Orquestra Fania Blanco Show) e Ana Paz (Cinema). O primeiro tentará gañarse a súa primeira participación nesta Liga. Lembramos que é fichaxe de última hora logo da marcha de Iván Rodríguez (New York). A canción do combate será Vivir lo nuestro de La India e Marc Anthony.

O vencedor unirase a Irene Iglesias (Panorama), Alba Navarro (Satélites), Monia Borges (Marbella), Kris Somad (Capitol), Danni Lamas (Kubo), Rita Barreiro (Charleston) e Diego Barbazán (Fania Blanco Show). Todos eles participan nesta sétima tirada cun repertorio do máis variado: rancheiras como Allá en el Rancho Grande, Poker Face de Lady Gaga e unha impresionante interpretación do Highway to Hell de AC/DC.

Na Liga Exhibition Center, a sección na que os artistas presentan os seus proxectos fóra do concurso, actuará o Dúo Urakán. Está composto por David Seara, concursante nesta edición; e Leo García, compañeiro seu na Orquestra Finisterre. A todo isto hai que unirlle os habituais enredos do xurado e as situacións de Capelán, que nesta ocasión montará unhas barracas no medio do plató.

Directo tras o programa

Tras a emisión televisiva, na páxina de Facebook do programa realizarase un directo conducido por César Romero (Cinema) e Rubén Pérez (Valexo) no que falarán con distintos participantes do programa sobre a gala da noite.