Esta semana A Liga dos Cantantes Extraordinarios sumará dous artistas para a grande gala final

Noticia
ORQUESTAS DE GALICIA 22/08/2019 18:05
A TVG ofrece esta noite a penúltima gala de A Liga dos Cantantes Extraordinarios (22:05h), concurso musical presentado por Paco Lodeiro. Cómpre salientar que, nesta edición, clasificaranse dous finalistas máis, que se sumarán aos 6 cantantes anteriores, para o desenlace que se vivirá na grande final.

Nesta sétima edición do programa incorpórase Verónica González, do Grupo Puzzle, en substitución de Laura Añón, quen gañou na entrega anterior. Os seareiros e familias dos artistas tampouco perderán esta última semifinal para apoiar os seus familiares.

Abrirá a gala a Mekanika Rolling Band co seu tema En busca da festa. Tamén o coreógrafo e bailarín do programa, Adrián Esperón, dará una gran clase de baile e ensinaralles aos espectadores a bailar un valse. Pola súa parte, Diego Moreira fará o que mellor sabe facer, poñer a todo o público en pé.

A Liga dos Cantantes Extraordinarios aproxímase así á súa recta final ao completarse a selección de finalistas realizada polo xurado integrado por Pili Pampín, Lito Garrido, Mon (Monopolius Dop) e Lucía Pérez.